Ola amiguiños e amiguiñas!


Ola amiguiños e amiguiñas!

Este curso no CEIP Isaac Díaz Pardo estamos a levar a cabo un proxecto para o fomento da actividade física e o abandono do sedentarismo no alumnado do noso centro escolar. Esta actividade forma parte do Plan Proxecta organizado pola Xunta de Galicia. Dentro do amplo abano de programas ofertados, decidímonos polo PROXECTO DEPORTIVO DE CENTRO (PDC) – CENTROS ACTIVOS E SAUDABLES co fin de conseguir que a actividade física chegue a ser un hábito diario na nosa poboación escolar, orientando a súa práctica non soamente cara o deporte competitivo, senón cara a unha actividade física ou deporte orientado para a saúde, mantendo no tempo estes hábitos físico-deportivos saudables e de vida activa.
Unha vez decidimos o Proxecto no que participar, un grupo de mestres e mestras do centro puxémonos a argallar unha forma dinámica e divertida a través da que  cumprir os obxectivos plantexados con este programa. Despois de moito “maquinar” chegamos á conclusión de que os PATIOS ACTIVOS eran unha boa idea, porque a través dun espazo reservado para a realización dunha serie de xogos planificados e de dinámicas lúdicas poderiamos fomentar a actividade física, pero tamén promover a socialización intra e intergrupal, así como a inclusión de todo o alumnado.
Decidida a organización do espazo, tiñamos que pensar qué tipo de actividades eran as máis adecuadas para comezar a introducir os patios activos. Reflexionando sobre este aspecto decidimos que os xogos tradicionais adaptábanse ás nosas necesidades porque son coñecidos pola maior parte do alumnado, teñen normas e cancións sinxelas e fáciles de poñer en práctica e permiten ademais interactuar e xogar a nenos e nenas de diferentes idades.
Agora tan só nos faltaba planificar cando e onde iamos instaurar este programa, foi sinxelo: realizaríase nos recreos (tanto de infantil como de primaria) ao longo da terceira semana de cada mes.



Para informar ao alumnado realizamos reunións informativas con todo o profesorado do centro e creamos 4 paneis informativos do proxecto en diferentes puntos do centro para que a información chegase a toda a comunidade educativa.

Decidido todo o anterior soamente nos faltaba organizar o calendario de actividades, que quedou da seguinte forma:
§  Do 20 ao 24 de novembro: XOGOS CON PEÓNS.
§  Do 18 ao 21 de decembro: XOGOS CON CORDAS E GOMAS.
§  Do 22 ao 26 de xaneiro: XOGOS CON CHAPAS E BOLOS.
§  Do 19 ao 23 de febreiro: XOGOS DE PALMAS E DE PANO.
§  Do 19 ao 23 de marzo: XOGOS CON XOGUETES FEITOS CON    MATERIAL DE REFUGALLO.
§  Do 16 ao 20 de abril: XOGOS DO PILLA-PILLA.
§  Do 21 ao 25 de maio: Cada día xogamos a un dos xogos feitos ao longo do curso.
§  Do 18 ao 21 de xuño: Cada día xogamos a un dos xogos feitos ao longo do curso.
Soamente nos quedaba desfrutar e pasalo de maravilla no patio desfrutando con tódalas actividades plantexadas.
En próximas entradas irémosvos ensinando como avanza o proxecto. Ata loguiño!

Comentarios